
Só un milagre pode evitar que o Tau suceda ao Real Madrid como campión da liga ACB. Un milagre que para o AXA Barcelona pasa polo que se antolla unha misión (case) imposible: gañar os dous próximos encontros da serie final, en Vitoria, para forzar un quinto en casa. Algo que se antolla farto imposible, atendendo ao que se viu nos dous primeiros enfrontamentos no Palau Blaugrana. O partido de onte á noite empezou moi distinto comparado ao primeiro, pero acabou igual. Se o venres foi o Barça o que comezou lanzado e marcando distancias, esta vez foi o Tau o que saíu a por todas (9-17). Os azulgrana, con Grimau tirando do carro, chegaron a empatar no segundo cuarto (28-28), pero Igor Rakocevic (17 puntos) volveu pór aos vascos por diante e, desde ese momento ata o final, o marcador xa foi sempre seu. Esta vez Tiago Splitter non puido exhibirse, pero no seu lugar Mickeal (20 puntos) rompeu na pintura e Teletovic conseguiu triplos oportunos. O ardor de Grimau, a inspiración de Sánchez e o talento de Ilyasova non foron suficientes para un Barça no que fallaron Lakovic, Acker, Vázquez, Kasun e Basile. O seu eterno drama: nunca coinciden todos no momento xusto. O Tau, por contra, volveu ser un equipo compacto e con máis recursos. Tantos que resulta fácil apostar sobre a quiniela: gañará este título ACB.

No hay comentarios:
Publicar un comentario