
Tras a exhibición de Garnett e Ray Allen no quinto partido, no sexto e definitivo Paul Pierce enterrou aos Pistons coa súa precisión no tiro (7/9 de dous, 1/3 en triplos e 10/13 en libres para 27 puntos). Un parcial de 19-4 no último período derrotou a Detroit. Os Celtics volven así a unha final da NBA vinte e un anos despois. Regresa un duelo histórico, o que máis se repetiu na pelexa polo anel (con esta, once veces), o enfrontamento entre os dous equipos máis galardoados, entre os Lakers das 29 finais (14 campionatos) e os Celtics dos 16 títulos. Vinte e un anos despois os dous xigantes crúzanse de novo. Será a partir do xoves coa presenza dun español, de Pau Gasol. Outra vez está aquí a eliminatoria que fixo crecer ao baloncesto na década dos oitenta.

No hay comentarios:
Publicar un comentario